...
...
Aquí vos vai unha xenialidade de Manuel Seixas
REVELACIÓN
Escuridade neste cuarto. Abriron as miñas entrañas. Unha vez máis. Pero esta vez é diferente. Esta vez teño moito que perder.
Coñecino unha noite radiante. Baixo aqueles potentes focos e os flashs das compañeiras que non paraban. A súa pel brillaba baixo a luz artificial que o envolvía. Coñecino. Quedou gravado no meu interior, cheo de cores que eu mesturaba para facelo real, tanxible, humano, fermosamente humano.
Coñecín moitas outras cousas, nesta a miña existencia. Paisaxes que devoraban os meus filtros; mulleres e homes seductoras e desexables; unha aperta de man fuxidía no medio do mercado de flores nun martes escuro de outono; aqueles ollos abertos, aquela bágoa da nena coa súa pequena moneca, neniña de ollos abertos á carón do corpo morto dos seus pais… Coñecín moitas outras cousas. Moitas.
Abriron as miñas entrañas. Perdín todo, unha vez máis. Pero esta vez quedei máis oca, máis baleira ca nunca porque amo, adoro obsesivamente a imaxe dese home pel brillante flashs pertinaces.
Escuridade. Pequena luz vermella. As hábiles mans examinan o tesouro saído do meu ventre. Cando revelen o seu contido revelarán o segredo do meu amor, se saben mirar.
E a min, máquina, só me quedará agardar unha nova película, unha nova esperanza.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario